Thursday 28 de March de 2024

Os xardíns e a Casa do Concello de San Sadurniño acollen dúas exposicións durante o mes de setembro


Tralo peche da mostra “Pegadas dun pasado – As escolas”, o Concello volve acoller durante todo este mes dúas exposicións, unha na galería e outra distribuída polos xardíns municipais. No primeiro caso trátase da colección de arte infantil “De mil cores” producida pola rapazada que participou nos últimos meses no grupo de debuxo e pintura da Asociación Cultural Brío, coordinado pola artista gráfica Paula Aneiros. A segunda exposición, que tamén permanecerá ata finais de setembro en San Sadurniño, é o conxunto de poesía e fotografía “Nós somos elas”, que recala nos xardíns do pazo gracias á área de Igualdade da Deputación da Coruña e á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

“Nós somos elas” quere poñer o foco nas mulleres xuntando, por unha banda, os retratos feitos por José María Vidal -histórico fotógrafo de Laxe- e, por outra, as voces propias de poetas e mulleres da cultura que asinan os textos que dialogan coas imaxes.

Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae ás mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas. Mulleres acompañadas dos seus fillos e fillas son os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal, pertencente á colección permanente do Museo de Mar de Laxe.

Os Vidal -José María e o seu pai, Plácido- foron retratistas da vida cotiá de toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras. Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ao seu obxectivo.

O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en “Nós somos elas”.

Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.

A exposición promovida pola área de Igualdade da Deputación e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda pasou xa por Malpica, Ames, Zas e Laxe remata o seu itinerario en San Sadurniño, onde poderá visitarse a calquera hora do día ata o 30 de setembro.

“De mil cores” na Galería
A outra mostra en marcha, titulada “De mil cores”, pode verse no interior do Concello nos horarios de apertura das dependencias municipais. As pezas son o resultado do traballo de 2020 e 2021 das 18 nenas e nenos participantes no grupo de debuxo e pintura da Asociación Cultural Brío.

Todas e todos teñen expostas obras individuais e, ademais, tamén contribuíron ao deseño de 5 pezas colectivas. En todas aprézase un concepto transversal do obradoiro dirixido por Paula Aneiros, xa que se abordan temas como a igualdade, o ambiente -a través da iniciativa Reciclarte 2.0-, a COVID-19 e a posta en valor da cultura galega, plasmada en varias ilustracións dunha lenda popular -que logo se converteu no vídeo “O segredo do Mouro”- ou cunha homenaxe ás Campás de Bastavales feitas poesía por Rosalía Castro.

As técnicas, de par dos temas, tamén son diversas. Maiormente son debuxos ou pinturas, complementados con esculturas e collages feitos con material de refugallo que se poden admirar ata o 30 deste mes na entrada principal, na escalinata de toelo e na galería da sede consistorial. A asociación Brío fará unha presentación para as familias o próximo día 11.

As obras asínanas Héctor Fernández Rañal, María Barros Ferreiro, Andrea Solano García, Alba Bouza Rodríguez, Lola Naveiras García, Aldara Bellón Sande, Manuel Barros Ferreiro, Antía Blanco Graña, Nerea García Fernández, Ainoa López Aneiros, Xoel Solano García, Miguel García Linares, Daniela Lago Cea, Noelia Sande Fernández, Xiana López Orjales, María Vázquez Aneiros, Iria Martínez Mera e Verónica Cea.